Ola a tod@s!! Xa estou en Aalborg. De vacacións. "A Aalborg de vacacións?" - exclamou estrañado un "español" cando embarcábamos en Copenhaguen para aquí.
A miña curmá está aquí de Erasmus, vive no centro, seica nun dos edificios máis antigos e ruinosos (xa lle gustaría a calquera de nova construcción de aí), pero co encanto que lle engade esa solera. E xa puntualizo que aquí tamén pódese atopar no medio das casiñas bonitas, eses edificios do progreso do cemento dos anos '70 de aí e uns bos tellados de uralita! (inda que o cacho de herba do patio do edificio que ides ver na foto sería impensable aló).
Para ser o centro, apenas hai tráfico (en hora punta!; un domingo na Coruña hai máis coches sen dúbida) e xente. Segundo o Danmarks Statistik 195.145 habitantes a 1 de xaneiro de 2008 na rexión de Aalborg (merda, que fago mirando estas cousas, estou de vacacións!). A tranquilidade que busco está asegurada.
Baixamos á rua para o meu primeiro contacto coa cidade. En realidade o primeiro foi onte á noite cando cheguei arredor das 22.30; a iluminación tenue e o estilo arquitectónico fíxome recordar Viena e Budapest; pesei que isto era un risco das cidades do leste, pero comprobei que non.
Primeira impresión: outra vez traballo! a rúa con maior empresariado étnico de Aalborg (localicei un "todo a cien" vietnamita); vin diversidade pola rúa. A maioría visible dos morenos de pel aquí non son de orixe latino como aí. Turcos, quizais? Daneses de orixe chinesa que chegan de Groenlandia, segundo me comentou a miña curmá? Traballo aparte, dáme a sensación de que cada vez que vexo a un autóctono penso que é un turista.
Os bares-restaurantes teñen terrazas e todos os comercios teñen stands fóra como se fose o mercado de Padrón. Comenteille a miña curmá: -"ostris! hai mercado hoxe!", -"Non, son as tendas, sempre teñen as cousas fóra salvo cando neva" (igual que os bares coas terrazas e mira que aquí chove). En pleno centro, imaxinádevos as tendas da rúa Real ou do Príncipe en Vigo coa súa mercancía fóra (imposible, alí mangaríase todo).
Pero o que vos quería contar é que non fai frío. Saín á rúa sen abrigo, luvas e gorro; dúas mangas e o chal! Estupendamente paseamos polo centro de Aalborg nas horas do medio día.
Agora chove, vexo caer as gotas sobre as casiñas de cores desde a confortable habitación que me prestaron.

1 comentário:
CAntos colores, que ben che queda na miña imaxinación.
Enviar um comentário