quarta-feira, 29 de agosto de 2007

Novamente Manolo Rivas


RIVAS, M. (2002) Muller no Baño, Xerais, Vigo. páx 91

“Na feira do libro de Leipzig, foramos invitados a falar sobre a identidade europea. Unha abstracción, un novo provincianismo. Pero logo pensei que non era un asunto tan van. Nas fronteiras, nos controis, nos valos dos anuncios electrificados, nos litorais onde arriban os seres invisibles, está moi clara a cuestión da identidade europea. Trátase de ter ou non un pasaporte, unha visa, un permiso. Un puto papel. É iso, un simple documento, o que pode facer que unha persoa sexa, na mesma praia, un turista bronceándose ou un cadáver devolto polo mar.

É a grande cuestión do noso tempo, que Europa leva con grande esquizofrenia. Quérese «man de obra», pero chegan persoas. Este asunto, o que nos informes asépticos chaman os «fluxos migratorios» sabemos que é delicado e inflamable. E que unha cousa é predicar nunha tribuna e outra dar trigo nun suburbio. Nun extraordinario libriño de conversas coa súa filla, Le racisme expliqué à má fille, di Tahar Ben Jelloun que non hai mellor discurso contra a xenofobia cás palabras dun neno a outro na escola. Uns minutos de xogo no patio poden botar abaixo todo o muro de prexuízos levantado durante séculos polos adultos.

Neses encontros sobre a identidade europea, para despexarnos as ideas, debería haber sempre un lugar de honor para o Inmigrante Invisible. Busca dúas cousas que nós xa damos por supostas coma se foran fenómenos atmosféricos: pan e liberdade. Á fin e ao cabo, el, o Invisible, é o verdadeiro europeo. Capaz de morrer por chegar a Europa.”

[A negriña é miña]

1 comentário:

Anónimo disse...

que vicio con Manolo!!!! jejeje Bicos reina Mora