quarta-feira, 12 de setembro de 2007

Oeste, Catoira, Anxos Sumai

Acabo de chegar de Catoira, é tarde, pero teño ganas de facer unha nova entrada. Desta vez elixín un fragmento dunha escritora que veu a mesma luz do sol de outono, uliu o mesmo olor a piñeiro e alquitrán ca min. O seu texto "Melodía de días usados" é capaz de transmitirme (inda que nos separen 19 anos) eses sentimentos sentidos na terra que nos criou, Oeste (Santa Baia para os crentes) e que noutra nova entrada escribirei; mais desta vez seleccionei un anaquiño que no momento da súa lectura levoume a terras máis nórdicas:

SUMAI, A. (2005) Melodía de días usados, Galaxia, Vigo (Páxinas 33-34)
SABOR DO DESEXO. Amo a alguén. É unha sorpresa incluso para min, pero agora teño que subir no autobús. Sentarei ao lado da ventá e soñarei todo o tempo con ese alguén que amo e que me ama. Modelareino á medida dos meus desexos, dareille forma ao seu alento, á súa respiración, en cada son pneumático da porta do bus ao abrir. Sentirei o seu corpo nas miñas mans como se o acariciasen dende sempre o meu cuspe saberame ao seu cuspe adozado co sabor do tabaco rubio, saberame á acidez das gotas de suor que a miña lingua atrapou nun lento percorrido polas pregas da pel máis agochadas do seu corpo. Agora desexo a alguén e podo facer que me ocupa as cavidades máis íntimas con só pechar os ollos. Estremezo. O desexo sepárame as dedas dos pés e faime doer doce o estómago. Pecho os ollos e sinto, pecho os ollos e sei que me senten.
Cando o bus aparca abóndame con que o corazón siga latexando desta maneira..."

pd. encántame o gatiño da portada

3 comentários:

Anónimo disse...

É fermoso, non si?, o gatiño da portada. A min tamén me gusta, máis que nada porque o quero. Aínda que só sexa un gato que é igual a un gato que quero.
Gústame ler as miñas palabras escritas por alguén que non son eu. Agora que leo xusto eses parágrafos que seleccionaches a min acontéceme me lembro todo o que sentía no momento en que os escribín.
Un bico grande. Por ti, polo gato e polo eco da miña memoria.

Rosalía disse...

Estes días ando a reflexionar sobre as novas tecnoloxías, sobre todo na videochamada que é algo que está a ser integrado na miña vida sen máximo problema e reflexiono sobre esas performances do pasado máis proximo cando este sistema de comunicación era cousa dun futuro que os nosos ollos non verían.... ou polo menos na intimidade do espazo privado.
Isto permite que estando lonxe da casa, na galeria de madeira dunha acolledera pensión, puidese ler de madrugada o teu comentario facéndome sentir unha profunda emoción. Baixo o cénit da luz mediterránea, aperta sentida para ti e o teu gatiño.

Rosalía disse...
Este comentário foi removido pelo autor.