terça-feira, 30 de outubro de 2007

Non hai outouno en Sevilla

tal e como o vivo eu coas as cores terracota nas árbores. Aquí é verde, non distinguiría entre o cemento do centro sevillano se estou en primavera, verán (supoño que sí polas altas temperaturas) ou outono; só polos carriños puntuais de asar castañas.

Hoxe por primeira vez collín en dirección contraria á destos días saíndo do hotel, tirei todo pola rúa Cristo del Gran Poder (nomenclatura corrente das rúas de aquí); se che gusta a música ou a danza, creo que esta é a túa rúa: moitas tendas especializadas en instrumentos (tenda xigante de percusión Tam tam, creo que se chamaba). Por alí estaba un conservatorio de música público. ah! e se che gustan as cousas planeta-cofrade alí tes a túa tenda "Mundo Cofrade" todo un escaparate con productos temáticos sobre tela fusia pasión (de cristo).

Cheguei á Alameda de Hércules, non sei porque pero recordei a pequena village Bistrita no norte de Rumanía, cousa que, así friamente non ten nada que ver (Sevilla sol, Bistrita montaña), pero o caso é que na escuridade da tarde-noite e baixo a luz das súas farolas fíxome recordar Bistrita; (quizais de día non ten nada que ver). Que, por certo, aquí as confiterías non están nada mal, incluso vin unha onde había uns doces que recordaban a aqueles que comimos subindo o Paso do Borgo da Bucovina rumana e que mercamos precisamente na entrañable patiserie de Bistrita (estupendas pasteleiras, temos foto con elas).

Se queres ver jipis e ulir o fume do hachís, creo que a Alameda é un sitio axeitado e coido que agradable para estar en calquera das terrazas de calquera dos bares que a rodean. Se queres comer: sen dúbida (C/ Peris Mencheta 21) "La Madraza" (boa atención incluída).

Xa noutra dirección e, como anécdotas, atopei "El rincón gallego del pulpo", escondidiño nunha ruela e un cartel das festas da Guadalupe de Rianxo na cristalera dun forno típico de aquí (un San Brandán, pero con máis solera e glamour). E ao lado do hotel está o mesón "Los gallegos".

Que máis si/non hai en Sevilla? Pois moitos turistas, o italiano escoitei con máis frecuencia, o inglés, teño de veciñas a unhas francesas (que creo que foron as que me espertaron ás 8 da mañá telefoneándose entre elas e chamáronme a min, rsñaisofnasf); o que non vin son "todos a 100 chineses" (uns chineses a 100 e outro falando sevillano) nin de outra índole, e mira que lle quero mercar a sevillana (que leva dentro) a Ana Ami (que son carísimas nas tendas de por aquí caza-moedeiro de turista). Xente en bicicleta; sen costas, bailarinas de flamenco xaponesas. Os pardais da Praza de Doña Elvira están gordiños, caéronme ben recordáronme aos que saían en Breakfast on Pluto. Tamén hai metro, acábano de inaugurar fai un par de días (é á segunda cidade á que chego e inauguran o metro lixeiro); pero xa descarrilou. E pensar que xusto o domingo camiñaba paseniñamente ao lado das vías pola Avda da Constitución.... que perigo...

2 comentários:

Anónimo disse...

Está claro: se hai un galego na lúa, foi aló, seguro, para abrir unha pulpería.

As terras polas que andas xa tiña eu interese por coñecelas, pero agora máis. Puxéchenos os dentes longos. Pásao ben!

Rosalía disse...

Obrigada, inda que xa levo uns días de volta,

paseino ben na medida do posible.