Mostrar mensagens com a etiqueta avoa. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta avoa. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 4 de janeiro de 2008

Cantiga de Nadal

A noitiña de Nadal

noite de grande alegría

caminando vai José

caminando vai María


Caminaron a Belén

a Belén lleghar día

cuando a Belén llegharon

toda la ghente dormía


Abre las puertas portero

portero de portería

no las quiero abrir triste

porque dormir no tenía.


Caminaron más abajo

cerca de una fuente fría

donde estaban predicando

cuando la virghen dormía.



Este cantiga cantouma miña avoa no Nadal de 2003 (é probable que estea incompleta).

O cura de Cimadevila (parroquia de Arzúa) dáballas escritas para cantar o día de Nadal. Recitaban cando pedían polas portas o aguinaldo todos os rapaces da aldea. O aguinaldo eran pesetas que serían postas en común (cousa que resalta a avoa: “non as gardabamos cada un para sí”) e destinadas xeralmente a mercar pezas para o nacemento. Miña avoa tocaba a pandeireta xunto cunha moza do seu tempo que o cura lles dou para acompañar as cantigas nestas datas de nacemento.


quinta-feira, 27 de dezembro de 2007

Day, non Dey



Onte fun visitar á miña avoíña; unha vez máis regaleille un libro, en galego; recordo as dúbidas que tivera á hora de mercarlle o primeiro: en galego ou castelán?; gardo discursos dos que din que só poden ler en español, que en galego non saben ou élles máis dificil... imaxinei que para a avoa, educada na República ata que a Guerra Civil truncou a súa carreira e xunto con todos os textos posteriores sempre en español, ler un libro en galego poderíalle custar un pouco.


Pois nada máis lonxe; tras os seus agradecementos apurou a ler o título Non quero ser Doris Day (gracias Inma pola dedicatoria, entrañable) e a abrir arbitrariamente unha páxina para saber de que ía: caeu na parte de Woody Allen e o dolar. Que bonito escoitala deletrear B-o-o-d-y A-ll-é-n como as nais de Manu e Oscar cando falan dos actores de Hollywood que viron nas pantallas das vilas cando estas inda tiñan cines.


É Day non Dey. Ergue os ollos, sorrí e di: “está en galego; gústame ler en galego” e continua entusiasmada a súa lectura; un par de frases... levanta a mirada e repite que lle gusta.


A avoa sempre pensa que os libros que lle regalo escribinos eu; e eu sempre lle contesto que non, que cando eu escriba un libroooo.... e ela sempre continua: “eu se fose nova e soubese todo o que sei hoxe non escribiría un libro, senon dous ou tres ou catro!”


Cando marchaba, no bico de despedida murmuroume na orella que lle gusta ler cousas en galego porque todo está en castellano e que agredece algo diferente, novo, distinto... (entendinlle en todos os sentidos)


díxenlle que xa me contaría que tal as aventuras e desventuras da protagonista en París!