Adiviñastes entón con quen fun a Viena? Deixeivos un tempiño, eh?! Pois aí vai a solución: fun co veciño de aí da dereita: o creador da coñecida zona da zanfona; a buscar unha zanfona, claro; a súa zanfona. Estiven alí, nese momento transcendental cando o músico toca por primeira vez o seu instrumento.
Soa estupendamente e, sen dúbida, deleitaranos con esa simbiose iniciada en Viena.
Este zanfonista ensinoume o sistema que está aí, ao final da páxina: o número de visitantes do blog. Como poderedes comprobar (se vos apetece seguir lendo) nesta entrada volverase a conxugar a socioloxía coa estatística ou viceversa.
Pois resulta que se pinchades no nº de visitas podedes, entre outras cousas, saber as palabras que introduciu en google unha navegante para chegar ao meu blog. Primeira conclusión: a xente non cae no meu blog porque lle guste ler as entradas rosalianas ou pola temática... non
Fixen un filtrado eliminando datos daqueles servidores igual ao meu (xa que conta as entradas que eu fago, non vale!), da institución para a que traballo ou entre os que son de xente coñecida (como podedes comprobar, está todo controlado en internet; María sei cando me visitas dende Aalborg!).
Queredes saber que entrada eleva a media de visitas do meu blog? A “negra do vibropower”! (2ª entrada do mes de novembro). A xente escribe en google: vibropower (5 veces), vibropower anuncio, vibropower negra ou negra vibropower (4 veces), anuncios tv vibropower, la negra de vibropower (3 veces) e a última xa é a repera: vibropower la del anuncio, aí!, con énfase sobre o que se quere buscar. En fin, os da empresa de marketing do vibropower saben ben o que fan.
Máis? A xente tamén cae buscando a letra da muiñeira de Chantada (con frecuencia, eh?) e unha cousa que teño pendente de investigar: a “canción pi pi po”. Que será? un tema tradicional? unha canción de moda? As palabras que introducen son música pi pi pi pí po po po po, música pi pi po, canción pi po pi po, poema pi.... a saber.


