Mostrar mensagens com a etiqueta de espellos trens e outros velenos. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta de espellos trens e outros velenos. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, 18 de outubro de 2007

Máis Mansfield

Os vosos comentarios son os que alimentan este blog.

En xeral, non sei que é o que dirixe cada entrada que escribo: depende do día, a temática (inda que seguramente imprima certa tendencia), as ganas; nalgunhas nótase que vai dirixida a algunha persoa en concreto... e nesta, son consciente de que este é o caso: que decidín, aquí, na calor do sofá que me acolle cando chego a casa, dedicar esta entrada a unha persoa.

Esa persoa que hoxe mesmo me comentou que lle gusta o meu blog, que o segue a miúdo e que lle entrou a curiosidade por investigar a Mansfield. Comenteille que o texto que lera era o comezo do relato e conteille como continuaba a historia de Bertha Young.

Esas marquiñas multiplicadas ao longo da lectura resaltan este momento desta muller absolutamente feliz:

"E as dúas mulleres quedaron unha xunta a outra admirando aquela esvelta árbore. Aínda que estaba inmóbil, a árbore virouse como a chama dunha candea que se expandía nunha punta, que tremelicaba no aire diáfano e que medraba máis e máis canto máis a miraban; até aloumiñar o contorno dunha lúa chea e de cor de prata.

Canto tempo estiveron alí? Ambas as dúas absorbidas por aquel círculo de luz como dúas criaturas doutro mundo que se entendían á perfección e se preguntaban intrigadas que tiñan que facer neste mundo con aquel tesouro de felicidade absoluta que albergaban nos seus peitos e que lles agromaba en forma de flores prateadas desde o cabelo ata as mans".

Espero que che guste.


quarta-feira, 10 de outubro de 2007

Descubrindo autoras...

Estou a piques de rematar De espellos, trens e outros velenos e, por tanto, acabo de descubrir a escrita de Katherine Mansfield. Estes días non fago máis que preguntarlle á xente se coñece á autora. É coetánea dos outros dous, pero cun estilo distinto; encantoume; as marquiñas no libro multiplicáronse con ela. Resalto o seu relato “A casa de bonecas” no que fai reflexionar no pouco que evolucionaron os tempos desde 1923 ata hoxe no que ás relacións humanas se refire. Recomendado.

Pero seleccionei un fragmento do relato “Felicidade absoluta” (1920) para esta entrada e antes de copialo comentar que este libro consta dunha pequena reflexión histórica nada cargante e crítica con breves comentarios sobre a biografía das autoras e do autor que invitan a ser lidos, incluso con fotiñas (é frecuente atoparse con textos que a biografía e a introducción histórica convértense en tratados pesados que deixas de ler na segunda folla e vas ao gran directamente).

“A pesar de que Bertha Young tiña trinta anos, aínda experimentaba momentos coma este, en que prefería correr en vez de andar, ensaiar pasos de baile na beirarrúa e fóra dela, facer rodar un aro, lanzar algo ao aire e collelo de novo ou quedar parada e rir – por nada – en particular.

Que podes facer se tes trinta anos e, xusto ao dobar a esquina da túa propia rúa veste inundada, de socate, por un sentimento de felicidade – dunha felicidade absoluta! – coma se de súpeto enguliras un anaco relucente de sol da tardiña e che abrazase no peito, desprendendo unha chuvia de faíscas en cada partícula, de punta a cabo?...

Oh, acaso hai outro xeito de explicalo sen parecer “bébeda e entolecida”? Que estúpida é a civilización! E logo para que se nos dá un corpo se o tes que manter pechado nun maletín como un valioso Stradivarius?” (páx. 173)


Qué comentario, ao igual que Anxos Sumai, me escribiría Katherine?


Creo que me caería ben...

sábado, 2 de junho de 2007

Woolf, a vida e os museos

Woolf, Lawrence e Mansfield (2006) De espellos, trens e outros velenos, Ir Indo, Vigo.

Ando a ler estes relatos de tres escritores do Modernismo británico, segundo amosa a contraportada do libro. Gústame Virginia Woolf; lin Un cuarto de seu e agora tócanme estes relatos que merquei a Biblos (unha especie de círculo de lectores en, por e para o galego ao que vos recomendo que vos subscribedes).

O título desta entrada nomea a vida que para min está chea de coincidencias, casualidades... Acabo de ler o relato "Unha novela non escrita" e vos quería deixar un pequeno fragmento co que comeza o libro, pero teño que admitir que o relato dáme para un pouco máis.

Non sei por onde comezar... o poema do supermercado que líchedes máis abaixo ademáis de idealo nun súper foi un texto concreto o que me deu a idea para darlle a forma; non sei se o logrei, pero quería transmitir o pensamento rápido e en contínuo cambio e variación do mesmo xeito que o fixo Simone de Beauvoir no "Monólogo" de La mujer rota. Neste relato Woolf fai uso desta técnica.

A parte disto, esta muller comézao así: "Semellante expresión de infelicidade abondaba por si mesma para que a mirada esvarase pola esquina do xornal ata chegar á cara daquela pobre muller -insignificante sen aquela ollada, case o símbolo do destino humano con ela. A vida é o que vemos nos ollos da xente; a vida évos o que eles aprenden, e , unha vez aprendido, endexamais, aínda que o queiran ocultar deixan de ser conscientes de -de que exactamente? De que a vida se cadra é vos así...." (páx. 67)

E por qué o poño? porque me gusta, gústame o que di sobre a vida. O fragmento en si non me daría por escribir esta entrada se non fose porque hoxe déuseme por entrar no "Museo do Home" (por que non dos Seres Humanos?) coa miña tarxeta de eterna estudante da Udc e alí ao lado dun ADN xigante escribíase en perfecto español, como é costume neste concello: "A ciencia de hoxe define a vida en termos xenéticos. Onde hai vida, hai xens".

Coincidencias