Mostrar mensagens com a etiqueta estatísticas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta estatísticas. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 28 de março de 2008

Aproximándonos á estatística

O IGE acaba de facer público un portal de carácter didáctico para ensinarnos a facer uso da Estatística. Está deseñado para alumnado de secundaria e bacharelato, pero ademais, baixo o meu punto de vista, é un bo medio para todas aquelas persoas que queren acercarse dun xeito sistemático e fácil á estatística. Incluso diría que ameno.

A veces, cando nos poñemos a utilizala dubidamos de cousas coma calcular o crecemento anual dunha poboación ou facer un grafiquiño en excel, sinxelamente porque na nosa formación (para os que tivemos oportunidade) nos explicaron o seu significado e como calculado con fórmula, pero non nos ensinaron como iso se facía en programas informáticos ou, mesmamente, como baixar os datos dos institutos oficiais de estatística.

Creo que este portal é unha boa referencia e unha ferramenta para axudarnos a traballar neste senso ou aproximar a todos aqueles que idean a estatística como "cousa para matemáticos" e/ou teñan certo desagrado pola mesma. Ou, no me caso, que estou máis acostumada a tratar as estatísticas de poboación aquí móstrame como utilizar outras, por exemplo, de corte máis económico coma os "prezos" e non me avergoña nada recurrir á páxina inda que sexa para alumnado de secundaria.



Esta é a dirección
http://www.ige.eu/educacion/index.htm

E esta é a nota de prensa na que se resume o seu contido
http://www.ige.eu/estatico/pdfs/s5/notas_prensa/portal_educativo.pdf

E se queredes achegarvos dunha maneira aínda máis divertida tedes este libro:
Gonick, Larry & Smith Woollcott (2001) Á estatística, ¡en caricaturas!, SGAPEIO, Santiago de Compostela.

Ánimos!!




segunda-feira, 18 de fevereiro de 2008

marketing

Adiviñastes entón con quen fun a Viena? Deixeivos un tempiño, eh?! Pois aí vai a solución: fun co veciño de aí da dereita: o creador da coñecida zona da zanfona; a buscar unha zanfona, claro; a súa zanfona. Estiven alí, nese momento transcendental cando o músico toca por primeira vez o seu instrumento. Soa estupendamente e, sen dúbida, deleitaranos con esa simbiose iniciada en Viena.


Este zanfonista ensinoume o sistema que está aí, ao final da páxina: o número de visitantes do blog. Como poderedes comprobar (se vos apetece seguir lendo) nesta entrada volverase a conxugar a socioloxía coa estatística ou viceversa.


Pois resulta que se pinchades no nº de visitas podedes, entre outras cousas, saber as palabras que introduciu en google unha navegante para chegar ao meu blog. Primeira conclusión: a xente non cae no meu blog porque lle guste ler as entradas rosalianas ou pola temática... non


Fixen un filtrado eliminando datos daqueles servidores igual ao meu (xa que conta as entradas que eu fago, non vale!), da institución para a que traballo ou entre os que son de xente coñecida (como podedes comprobar, está todo controlado en internet; María sei cando me visitas dende Aalborg!).


Queredes saber que entrada eleva a media de visitas do meu blog? A “negra do vibropower”! (2ª entrada do mes de novembro). A xente escribe en google: vibropower (5 veces), vibropower anuncio, vibropower negra ou negra vibropower (4 veces), anuncios tv vibropower, la negra de vibropower (3 veces) e a última xa é a repera: vibropower la del anuncio, aí!, con énfase sobre o que se quere buscar. En fin, os da empresa de marketing do vibropower saben ben o que fan.


Máis? A xente tamén cae buscando a letra da muiñeira de Chantada (con frecuencia, eh?) e unha cousa que teño pendente de investigar: a “canción pi pi po”. Que será? un tema tradicional? unha canción de moda? As palabras que introducen son música pi pi pi pí po po po po, música pi pi po, canción pi po pi po, poema pi.... a saber.

quarta-feira, 29 de agosto de 2007

Novamente Manolo Rivas


RIVAS, M. (2002) Muller no Baño, Xerais, Vigo. páx 91

“Na feira do libro de Leipzig, foramos invitados a falar sobre a identidade europea. Unha abstracción, un novo provincianismo. Pero logo pensei que non era un asunto tan van. Nas fronteiras, nos controis, nos valos dos anuncios electrificados, nos litorais onde arriban os seres invisibles, está moi clara a cuestión da identidade europea. Trátase de ter ou non un pasaporte, unha visa, un permiso. Un puto papel. É iso, un simple documento, o que pode facer que unha persoa sexa, na mesma praia, un turista bronceándose ou un cadáver devolto polo mar.

É a grande cuestión do noso tempo, que Europa leva con grande esquizofrenia. Quérese «man de obra», pero chegan persoas. Este asunto, o que nos informes asépticos chaman os «fluxos migratorios» sabemos que é delicado e inflamable. E que unha cousa é predicar nunha tribuna e outra dar trigo nun suburbio. Nun extraordinario libriño de conversas coa súa filla, Le racisme expliqué à má fille, di Tahar Ben Jelloun que non hai mellor discurso contra a xenofobia cás palabras dun neno a outro na escola. Uns minutos de xogo no patio poden botar abaixo todo o muro de prexuízos levantado durante séculos polos adultos.

Neses encontros sobre a identidade europea, para despexarnos as ideas, debería haber sempre un lugar de honor para o Inmigrante Invisible. Busca dúas cousas que nós xa damos por supostas coma se foran fenómenos atmosféricos: pan e liberdade. Á fin e ao cabo, el, o Invisible, é o verdadeiro europeo. Capaz de morrer por chegar a Europa.”

[A negriña é miña]